Este ano 2024, no Día das Letras Galegas, quero dar un paso adiante no meu compromiso coa poesía galega, presentándovos un novo poema dentro do xénero que comecei a explorar hai uns anos: a Poesía Detonante. A miña intención é deixar unha pequena pegada, aportando un anaco da miña creatividade e imaxinación.
A Poesía Detonante naceu da necesidade de expresar sentimentos con tal intensidade que a cabeza non ten tempo de organizalos en estruturas métricas convencionais. A utopía en esencia é unha poesía que xorde impulsivamente, seguindo unha orde tribal de palabras e versos, creando unha conexión directa coa alma a través da linguaxe do corazón. Este estilo, libre e espontáneo, desafía as normas tradicionais da poesía, permitindo que cada verso reborde emocións desordenadas.
O poema que presento hoxe, titulado "Fíos da Vida", reflicte o misterio da existencia e a emoción de descubrir o noso destino. Nunha mestura de vivencias persoais e intuición poética, tento capturar a esencia da vida, esa viaxe chea de encrucilladas e sorpresas que nos levan a explorar o noso verdadeiro camiño ca metáfora dos fíos.
Fíos da Vida
Destelos de luz espertan emocións,
fíos infinitos das pólas penduran.
No vento engaiolan, en múltiples sons,
entre o ceo e o chan, historias murmuran.
Tiramos do branco que moito namora,
mais non o acadamos, só nos demora.
Tiramos do azul, ilusión que renace,
mais no mar atopamos que o soño desfaise.
Fío longo amarelo, febre e esmorga conta,
chega á memoria, que de lonxe remonta.
Vemos con graza o relato entretido,
entre luces e sombras, o camiño vivido.
Pouco a pouco escollemos co cerebro,
ás veces acertamos, outras esmorecemos.
Co corazón tiramos, e o fío enliamos,
máis vale curto que longo e errado.
Camiñamos, erramos, e a miúdo caemos,
mais sempre erguemos a fronte, valentes.
A vida é mestura de pasos diversos,
que nos levan cara a horizontes inmensos.
O destino é un segredo na caixa dos ventos,
gardado no tempo, un enigma constante.
Nós, peregrinos, buscamos alentos,
respostas que veñen nun sopro desbordante.
No cruce das horas, os días detonan,
danzas de sombras, de luces fugaces.
E o corazón, brúxula errante,
segue os fíos que brillan distantes.